Friday 26 de April de 2024

O Concello de Santiago presenta alegacións ao proxecto do Ministerio para crear un ramal que conecta a SC-20 co Milladoiro


Logo dunha reunión coa asociación de veciños Porto de Fornelos, coas alegacións búscase presionar para mellorar o proxecto e que incorpore unha modificación na canalización do Rego de Vilar e a creación dunha parada de autobús que, na práctica xa existe, aínda que sen infraestrutura.

A creación deste novo ramal na SC-20 pretende evitar o colapso da rotonda na entrada do Milladoiro desde o periférico, de xeito que conectará coa avenida Muíño Vello, a principal vía de acceso ao polígono Novo Milladoiro. Aproveitando a actuación, desde o Concello de Santiago véñense de presentar unhas alegacións que “non implica grandes cambios no proxecto, pero si que melloran substancialmente a calidade de vida dos residentes da zona” explica o concelleiro de Obras.

Logo dun encontro no que participaron tamén o alcalde e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; Gonzalo Muíños avanzou que o que se se solicitou “por unha banda, que a actuación contemple tamén unha mellora da canalización do Rego do Vilar e, por outra, a construción dunha zona de parada de autobús”.

Precisamente o Rego do Vilar pasa por debaixo da rúa do Porto de Conxo na que se vai a intervir, e “aproveitando esa actuación poderíase ampliar o oco polo que transcorre para evitar inundacións nas enchentes”.

Tamén nese sentido solicitouse ao ministerio que se incorpore algún sistema de recollida de augas ao paso do vial, posto que “en momentos de choiva intensa, a auga descende cara algunha das casas que se sitúan á marxe e tamén pode provocar danos” explicou Muíños.

Por outra banda, actualmente na zona existe unha parada de autobús “na práctica, aínda que sen infraestrutura” polo que se solicitou que “nese proxecto se contemple tamén a creación dun espazo para que poida parar o autobús e que lle dea seguridade ós peatóns”.